Mercedes Peón + Emilio Rúa
Mercedes Peón
O estilo único de Mercedes Peón mestura o sabor da música tradicional cos sons máis modernos, conservando o halo de sutileza e forza femininas que envolven toda a súa obra.
A extraordinaria voz de Mercedes Peón crea atmosferas vibrantes e innovadoras que conseguen algo moi pouco habitual, o feito de crear algo novo no actual panorama musical, o que a levou a ser unha das mulleres máis carismáticas no mundo da música e a cultura galegas. O seu estilo foise creando a través de todo un traballo de campo autodidacta, no que recolleu vivencias, lendas, músicas e danzas das xentes da Galicia máis rural.
Mercedes Peón formou parte de Xacarandaina, dedicouse ao ensino de música e baile tradicionais durante 17 anos, e formou parte de diversos proxectos con músicos salientables da escena galega como Os diplomáticos de Monte Alto ou Xosé Manuel Budiño.
Dende o seu primeiro disco “Isué”, Mercedes ten participado noutros ámbitos como a televisión ou a prensa escrita, ademais de fundar a discográfica “Discotrompo” e de dar conferencias en diferentes universidades europeas.
Emlio Rúa
Emilio Rúa ofrécenos unha mestura de sons pop e música tradicional. Tras numerosas actuacións con outros artistas coma Ismael Serrano ou Pedro Guerra, Rúa edita o seu primeiro disco “Vida Miña”, un traballo con tinturas melódicas e cargado de sentimento que o levará a percorrer numerosos escenarios galegos e a darse a coñecer como cantautor. Actualmente Emilio Rúa cruza as fronteiras galegas para ofrecer concertos en Madrid e Barcelona entre outras cidades da xeografía española.


Comentarios
Enviar un novo comentario