Uxía + Leilía
Uxía
Uxía comezou moi nova a súa carreira musical. No 1986 gravou “Foliada de Marzo”, co que se fixo un oco na escena musical galega, engaiolando o público e os músicos que a acompañaron neste traballo, e que máis tarde lle ofrecerían ser a voz do grupo Na Lúa, cos que gravou dous discos que se presentaron dentro e fóra dos lindes galegos. No 1991, Uxía comeza a súa carreira en solitario e publica “Entre cidades”, participando en diferentes festivais europeos, e cruzando o Atlántico para achegar a súa voz a Cuba e a Arxentina.
Como ela mesma afirma, o contacto e a aprendizaxe doutras culturas marcaron a súa traxectoria de máis de vinte anos, impregnando a súa música con tinturas portuguesas, brasileiras e africanas e derivando no son plural, cálido e fresco que nos transmite co seu estilo morno e intimista.
Leilía
Leilía (Felisa Segade, Patricia Segade, Ana Rodríguez, Mercedes Rodríguez e Montse Rivera) naceu no verán do 1989 cunha formación integrada por cinco mulleres dispostas a cantar, bailar e, sobre todo, a traballar pola recuperación da cultura oral e musical galega.
Moitas das voces case esquecidas das pandeireteiras galegas volveron á vida grazas á gran compilación que Leilía fixo no seu primeiro disco. O seu último traballo ata o momento é “Son de Leilía”, presentado con dúas facetas diferenciadas: unha máis intimista, creada para pequenas salas, e outra máis aberta, coa que poderemos volver a gozar coas voces en directo das cinco mulleres de Leilía.
Entradas: gratuítas


Comentarios
pilarfreire (Xov, 06/05/2010 - 09:05)
Ola! É ás 21.00h. Saúdos!
Anónimo (non verificado) (Mér, 05/05/2010 - 15:18)
A que hora e o concerto de Rianxo?
Enviar un novo comentario