Presentación
Xacobeo Raíces presenta un programa extraordinario de 12 concertos en cidades e vilas de toda Galicia , e mais un concerto especial en Madrid, cun total de 25 artistas e agrupacións galegas.
Esta selección é unha boa mostra do que está a acontecer hoxe en día na nosa cultura musical, propostas que beben da tradición, que evolucionan cos tempos que nos toca vivir e que se experimentan na creatividade vital do contemporáneo.
Espectáculos de altísimo nivel, con producións técnicas exquisitamente coidadas e de gran nivel profesional. Músicos cunha dilatada formación académica, curtidos na experiencia de centos de escenarios e cunha capacidade compositiva abraiante.
Detrás do que escoitamos e vemos no escenario hai un intenso traballo de busca creativa, de orixinalidade, intentando ofrecer algo diferente e novo. Non son artistas convencionais ou conformistas, son a nosa expresión autóctona, única no mundo.
Estes artistas son grandes viaxeiros, reclamados e aclamados en moitos países do mundo pola súa proposta musical. Podemos escoitar as súas vivencias en grandes festivais europeos, en salas e teatros de toda América, en lugares remotos dos cinco continentes, sempre exercendo como embaixadores da cultura galega.
Entre bambolinas xa escoitamos a gaita afinando, as arpas, zanfonas, guitarras, percusión e pandeiros; as voces cantoras preparando o espectáculo: comeza Xacobeo Raíces.